Presidencia de Ecuador

A Presidencia da República de Ecuador é o cargo ocupado polo Xefe de Estado e Goberno do país andino. Ocupa a xefatura da Función Executiva, sendo asistido por unha vicepresidencia e un equipo de persoas colaboradoras agrupadas no Gabinete Ministerial. O seu lema é "Mi Poder en la Constitución", frase que aparece dende 1830 na Banda Presidencial. A persoa que ocupa o cargo é ao tempo Comandante en Xefe das Forzas Armadas.

Entre 1830 e 1869, o cargo de Presidente da República foi elixido de maneira indirecta, ou sexa, a través do Lexislativo. Dende 1869, o Presidente é votado pola poboación. Porén, debe terse en conta que durante o século XIX, Ecuador vivía unha democracia censitaria, de tal xeito que só votaban o homes que posuían unha renda abondo e un traballo decente.

Entre 1906 e 1945, as eleccións eran polo xeral fraudulentas, por iso estímase que o ano 1946 é o comezo da verdadeira democracia en Ecuador.

Dende 1979, os cargos de Presidencia e Vicepresidencia son elixidos en sufraxio directo nunha mesma papeleta. Gaña a candidatura que obtén mais da metade dos votos válidos, e en caso contrario, faise unha segunda volta só coas dúas candidaturas máis votadas. Dende 1998 tamén pode gañar unha candidatura que obteña mais do 40 % de votos, sempre que teña unha diferenza superior ó 10 % sobre a segunda. Tódalas porcentaxes calcúlanse sobre o total de votos válidos (é dicir, sen contar os votos nulos ou en branco).

A Presidencia é exercida por un período de 4 anos. Entre 1906 e 1967 os mandatos comezaban o 1 de setembro. Entre 1979 e 1998 o mandato presidencial comezaba os días 10 de agosto. Dende 1998 asúmese o cargo o día 15 de xaneiro. En 2009, de xeito excepcional, fíxose o 10 de agosto.


© MMXXIII Rich X Search. We shall prevail. All rights reserved. Rich X Search